Dende a esquerda, Pablo Villamar, Ánxela Bugallo e Fernando Piñeiro
PRESENTACIÓN
7 de maio de 2007 A festa marítima bianual do patrimonio galego marítimo e fluvial chega entre os días 5 e 8 de xullo a Ferrol, un evento que vén de presentarse na Dirección Xeral para o Deporte. Na conferencia de presentación participaron a conselleira Ánxela Bugallo, o presidente de Federación de Cultura Marítima Fernando Piñeiro, o responsable da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, e o presidente do Club de Mar de Ferrol, Bernardo Maiz.
A conselleira de Cultura e Deporte destacou que o apoio á celebración destes Encontros "continúa a política de fomento da náutica que se desenvolve dende a Dirección Xeral para o Deporte, e que ten tres grandes obxectivos: difundir e rehabilitar o patrimonio marítimo e fluvial; dinamizar o sector das embarcacións tradicionais para o tempo de lecer e a práctica deportiva e, por último, outorgar o recoñecemento social ao noso patrimonio como acervo cultural do pobo galego".
O Encontro de Ferrol contará tamén coa exposición Patrimonio do vento e do sal: embarcacións tradicionais de Galicia.
Bugallo afirmou que o proxecto NaBeira08 conseguirá que o ano 2007 sexa o do recoñecemento a un patrimonio polo que Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial leva case trece anos traballando.
Pola súa banda, Fernando Piñeiro agradeceu o apoio das institucións públicas á celebración deste VIII Encontro, e lembrou que dende a cuarta edición, celebrada en Rianxo -as posteriores en Combarro, a Illa de Arousa e Cambados- cada edición bianual "supón medrar un paso" no recoñecemento deste patrimonio. Piñeiro destacou que estes encontros acadaron o seu mellor momento no pasado 2005, cando en Cambados se deron cita representantes de Portugal, Irlanda e de toda a Península Ibérica. Ese VII Encontro serviu "para amosar a riqueza antes agochada, e para que as embarcacións tradicionais tivesen un importante recoñecemento social, algo que estamos seguros de superar este ano, coa axuda dos apoios institucionais".
Os Encontros de Embarcacións Tradicionais chegan á Ferrolterra
O presidente do Club do Mar de Ferrol, Bernardo Maiz, estivo esta mañá na presentación e afirmou que para a comarca de Ferrolterra, "é unha fachenda poder presentarlle ao mundo toda a riqueza marítima de Galiza dende Ferrol".
Maiz adiantou que entre os días 5 e 8 en Ferrol realizaranse regatas, presentacións de embarcacións, obradoiros didácticos e visitas didácticas ás embarcacións, entre outras actividades, que descubrirá esta ata agora descoñecida riqueza patrimonial. Para o presidente do Club de Mar Ferrol, este será "o encontro máis importante da Península Ibérica, que traerá á nosa terra as representacións da tradición marítima e fluvial de Francia, Portugal e Irlanda".
En terra, estableceranse exposicións dos museos do mar máis significativos, e realizaranse unhas xornadas técnicas sobre a conservación das embarcacións tradicionais dende o ámbito lexislativo. Estas xornadas desenvolveranse a bordo do Hidria II, o chamado Barco da Memoria da Consellería de Cultura e Deporte.
Teléfonos de contacto: 981 542 607 / 629 422 907