O peirao de Curuxeiras acolleu do 5 ao 8 de xullo o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
5 de xullo de 2007
Máis dun cento de embarcacións procedentes de toda a Península Ibérica e de Francia participaron na gran celebración da cultura marítima e fluvial en Ferrol.
O VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que estuvo do 5 ao 8 de xullo no peirao de Curuxeiras, contribuíu á divulgación do patrimonio marítimo mediante visitas, obradoiros, concertos, exposicións e encontros de especialistas.
O día 5 de xullo a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, inaugurou este encontro, organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e que conta co apoio da Consellaría.
As embarcacións participantes sumaron máis de 729 metros de eslora e abranguían unha gran diversidade: desde botes a gamelas, pasando por dornas, racús, bateeiros, lanchas polbeiras e mesmo un vello galeón. Polo seu tamaño, destacou entre todas a goleta francesa Recouvrance.
A maior manifestación de patrimonio marítimo da Península
Os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebran cada dous anos, convertéronse desde os seus inicios en 1993 na maior manifestación cultural do patrimonio marítimo e fluvial da Península Ibérica. O VIII Encontro enmarcouse nun especial ambiente de pulo á cultura marítima por parte da Consellaría de Cultura e Deporte. O departamento que dirixe Ánxela Bugallo levou por vilas e cidades de arraigada tradición marítima e fluvial a exposición Patrimonio do vento do sal: embarcacións tradicionais galegas, dentro do programa NaBeira.
Programa de actividades
Entre as actividades que tiveron lugar en Ferrol atopábase unha selección de exposicións e información sobre asociacións e museos galegos, portugueses, asturianos, vascos e bretóns unidos polo seu traballo a prol da cultura marítima e fluvial. Ademais, realizáronse obradoiros destinados tanto a nenos coma a maiores, a través dos que coñecer de preto os traballos das redeiras, dos cesteiros, dos modelistas navais e doutros oficios vencellados ao mundo do mar.
Unha das novidades a ter en conta nesta edición foi a realización de xornadas técnicas, que versaron sobre a creación dun novo marco normativo para as embarcacións tradicionais e clásicas. O obxectivo destas xornadas era dar a coñecer o estado actual de uso e de protección xurídica das embarcacións tradicionais e clásicas, así como establecer liñas de traballo para o futuro de cara a elaborar un novo marco normativo común a nivel europeo para a conservación e catalogación das mesmas. Estas xornadas desenvolvéronse a bordo do Hidria II, un antigo alxibe que durante o ano 2006 percorreu a costa galega dentro das actividades do Ano da Memoria da Consellaría de Cultura e Deporte.
Subir a bordo de embarcacións tradicionais
O Encontro serviu tamén para volver o ollar sobre a navegación clásica e tradicional a través de visitas guiadas sobre diferentes tipoloxías de barcos. Así mesmo, as persoas visitantes puideron embarcarse a bordo dos buques clásicos ou ben nos botes de pasaxe da ría de Ferrol durante as regatas que se celebraron.
O Encontro estivo amenizado durante os catro días por música tradicional, a cargo de grupos como Malvela, Viravolta, o Real Coro Toxos e Froles ou o grupo Os Raparigos. Desenvolveuse tamén un ciclo de cine do Mar e desfiles de embarcacións tradicionais.
Teléfonos de contacto: 981 542 607 / 629 422 907