Un proxecto para mergullarnos na etnografía, na arqueoloxia, na economía, na arte e nos oficios do mar e da ribeira galega
NaBeira08
A riqueza da cultura marítima e fluvial de Galiza é froito agromado dunha costa sinuosa con máis de 1.200 km, centos de ríos e dunha alta produtividade mariña. Este patrimonio, ligado ao saber facer dos nosos devanceiros, está a ser dinamizado e conservado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e polas 38 asociacións que a conforman, así como por arredor de 3.000 persoas.
Cómpre, pois, dalo a coñecer a través dos seus elementos máis recoñecidos: as embarcacións tradicionais, e, ao mesmo tempo, hai que darlle cabida a todas aquelas persoas que teñan interese en participar da nosa tradición mariñeira e de ribeira.
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e a Consellería de Cultura e Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, xuntan os seus esforzos na difusión e na dinamización do sector das embarcacións tradicionais a través do Proxecto NaBeira08.
Co Proxecto NaBeira08 teremos ocasión de mergullarnos na historia etnográfica, arqueolóxica, socioeconómica, arquitectónica, artística e nos oficios ligados ao mar, a costa e ribeira galega, para comprender a situación actual do patrimonio marítimo e fluvial galego con vistas, sobre todo, a preparar un futuro que poña en valor ao mesmo como elemento natural identitario de Galiza. Un binomio indisoluble medio natural e cultura que debe ser coñecido e recoñecido por todos nós para así poder conservalo para as vindeiras xeracións.
NaBeira08 promove, entre outras, as seguintes iniciativas:
- Actividades do mar: navegación, visita a embarcacións tradicionais e, nos lugares nos que haxa praia próxima, navegación en falucho para rapaces e rapazas.
- Actividades en terra: xogos, obradoiros mariñeiros (nós, pesca con cana, etc), visita a embarcacións tradicionais e actividades sorpresa en cada lugar.
- Exposición: "Patrimonio do vento e do sal: embarcacións tradicionais de Galicia".